Saturday 18 de May de 2024

Dezaseis novos fogares da Pobra xa contan cos seus composteiros domésticos


A Pobra do Caramiñal atópase inmersa na cuarta campaña da compostaxe doméstica coa distribución de novos colectores proporcionados pola Sogama. A concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), fai fincapé en que se continúa así na liña de traballo de fomenta-la sustentabilidade na xestión da materia orgánica na orixe; cuestión que redunda en beneficios medioambientais e económicos. Redúcese, polo tanto, o peso da fracción do resto depositada nos contedores xenéricos.

Aos 160 depósitos repartidos nas tres quenda previas, únense 16 novas unidades. As vivendas que se incorporan a este proxecto foron convocadas no teatro cine Elma na tarde do 18 de novembro para recibiren os composteiros individuais, ademais dunha charla formativa e ferramentas auxiliares subministradas pola Administración local como, por exemplo, un aireador e material divulgativo.

Quedan colectores dispoñibles, polo cal as persoas interesadas en se sumaren a este modelo de compostaxe poden formaliza-la súa participación mediante unha solicitude no rexistro, preferiblemente o telemático. Entre os requisitos figuran vivir de forma habitual no concello da Pobra do Caramiñal; dispor dun terreo (xardín, horta) cunha superficie mínima de 25 metros cadrados; e permiti-lo seguimento do proceso durante 2023 a cargo de Urbaser. O documento tamén está ao dispor en www.apobra.gal.